Pages

Monday, September 25, 2017

II Xornada de Onomástica Galega

AGOn

O vindeiro sábado, 30 de setembro, a Real Academia Galega organiza en Pontevedra a II Xornada de Onomástica Galega, nesa ocasión centrada no tema Os nomes e os apelidos: aspectos legais, sociais e lingüísticos. A entrada é libre ata completar aforo.





Academia.gal

A II Xornada de onomástica galega abordará os aspectos legais, sociais e lingüísticos dos nomes e dos apelidos


A onomástica persoal centrará o vindeiro 30 de setembro en Pontevedra a II Xornada de onomástica galega, baixo o título Os nomes e apelidos: aspectos legais sociais e lingüísticos. A Real Academia Galega organiza o programa, coordinado polas académicas correspondentes Ana Boullón e Luz Méndez, coa colaboración coa Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, que acollerá as sesións no Edificio Sexto. A entrada é libre ata completar aforo.
Os procedementos para restituír os nomes e apelidos deturpados, a continuidade e variación na transmisión dalgúns apelidos galegos, os criterios para a restitución das formas normalizadas ou a normalización da antroponimia desde os centros educativos son algunhas das cuestións que abordarán as persoas convidadas das tres primeiras sesións, procedentes do mundo xudicial, a filoloxía, a normalización lingüística e o ensino.
O programa arrincará ás 10 da mañá coa sesión titulada "Aspectos legais: a onomástica persoal no Rexistro Civil e os procedementos para restituír a forma estandarizada. Datos, problemas e solucións", a cargo da avogada do Estado Consuelo Castro Rei e da maxistrada do xulgado nº1 de Caldas Encarna Dasi Dorelle.
Os aspectos lingüísticos serán abordados a partir das 12 horas por Ana Boullón e Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo e académico correspondente. A coordinadora da xornada falará do proxecto do Dicionario dos apelidos galegos e a restitución das formas galegas, con propostas para o seu tratamento, e Gonzalo Navaza, da continuidade e da variación na transmisión dalgúns apelidos.
O programa retomarase pola tarde coas achegas de Anxos Sobriño, presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), e Valentina Formoso, profesora do IES Félix Muriel de Rianxo, que se centrarán en estratexias para a difusión social das formas estandarizadas. Anxos Sobriño presentará unha proposta de campaña desde a Administración de xustiza para recuperarmos a nosa onomástica e Valentina Formoso dedicará a súa intervención ao traballo de normalización da antroponimia desde os centros educativos.
A xornada concluirá cunha mesa redonda sobre os nomes propios na ficción literaria e audiovisual, moderada pola xornalista Marga Pazos, que contará co novelista e académico correspondente Xosé María Lema e os guionistas Xosé Castro Pato e Araceli Gonda.

No comments:

Post a Comment