Pages

Tuesday, June 14, 2022

Presentation of the Toponimízate 2022 Campaign


The President of the Royal Galician Academy, Víctor F. Freixanes, and the Secretary General of Linguistic Policy, Valentín García, presented the Toponimizate 2022 campaign on 8th June 2022, the initiative to disseminate Galician toponymy that will reach 17 municipalities in the country.

An important part of the Toponimízate Initiative focuses on the collaborative toponymic collection platform created jointly by Real Academia Galega and Xunta de Galicia, Galicia Nomeada, which already has more than 2600 collaborators. Thanks to them, more than 43,000 microtoponyms have been recovered and made available to all Galician citizens online since the public launch of this digital tool, at the end of 2019.


A iniciativa de divulgación da toponimia galega Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra duplica neste ano 2022 a oferta de actividades e chegará a 17 concellos. Coordinada pola Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a campaña chega á súa quinta edición co obxectivo principal de difundir o valor da riqueza toponímica e involucrar a moitos colaboradores e colaboradoras no gran proxecto colectivo de salvagarda dos nomes de lugar a través da aplicación Galicia Nomeada.

Pantón, Sada, Laza, Chandrexa de Queixa, A Fonsagrada, Covelo, Castrelo de Miño, Rodeiro, Fisterra, Ortigueira, Allariz, Oleiros, Ponteareas, Forcarei, Zas, Guntín e O Incio son os concellos onde se impartirán as charlas da campaña. Nesta nova xeira procurouse escoller concellos onde a microtoponimia –nomes de leiras, montes, regatos, fontes, penedos...– corre maior risco de se perder, quer por viviren un forte despoboamento nas últimas décadas (por exemplo Laza, A Fonsagrada, O Incio ou Chandrexa de Queixa), quer por sufriren amplos procesos de transformación do territorio ao seren concellos próximos a grandes vilas e cidades (Oleiros, Ponteareas, Allariz...). Tívose en conta ademais o feito de que moitos dos concellos elixidos non foron obxecto de traballos de recolla na época que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011), o que fai aínda máis necesaria esta iniciativa que procura tamén acadar novas persoas colaboradoras para plataforma Galicia Nomeada.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron este mércores na sede da RAG a campaña. As sesións de Toponimízate, como en edicións anteriores, serán impartidas por Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e de Galicia Nomeada, contando coa colaboración do académico electo Gonzalo Navaza na elaboración das etimoloxías.

Víctor F. Freixanes salientou o valor cultural e simbólico da toponimia e da importancia de iniciativas coma esta que contribúen á súa divulgación e conservación. “A toponimia forma parte da nosa memoria histórica. Cada nome de lugar ten detrás a historia do país, o tempo dos avós que se transmite aos netos. Esta campaña está pensada para informar e sensibilizar a sociedade sobre o noso patrimonio, e para facela partícipe dun valor que nos enriquece e que nos dá un sitio no mundo. Para a RAG é moi importante implicar a xente na afirmación e reivindicación do noso patrimonio”, expresou o presidente da institución.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades fixo fincapé tamén “na importancia deste patrimonio inmaterial que temos o deber de protexer, coidar e divulgar, especialmente nas novas xeracións”. Valentín García salientou nesta liña que cómpre ademais promover a colaboración na recolla colectiva da microtoponimia, tratando de “involucrar o maior número de persoas posibles e facendo medrar esta nosa obra colectiva”.

Datas programadas
As charlas de Toponimízate constan de varios bloques temáticos. O primeiro incide na riqueza toponímica de Galicia e o risco que corre de perderse; a continuación explícase minuciosamente o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, coa que a veciñanza pode engadir na plataforma os topónimos que coñeza; a terceira parte céntrase nas utilidades prácticas para a Administración, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral desta información cultural, unha vez  está xeorreferenciada e normativizada; e, por último, dáse conta do significado dos nomes de parroquias e aldeas de cada concello.

O concello lucense de Pantón abrirá o pano de Toponimízate 2022 o venres 17 de xuño no salón de actos da Casa da Cultura. Para o mes de xullo están reservadas tres datas: a primeira, o día 4 no Centro para a atención de persoas maiores de Mondego, en Sada, e terá como público de excepción os maiores sadenses, gardiáns da toponimia deste concello das Mariñas coruñesas, un concello, coma tantos outros, no que urxe recoller a microtoponimia. A segunda será o día 8, na Casa do Concello de Laza, ás 20:00 horas; e a terceira das charlas será en Chandrexa de Queixa, o venres, 29 de xullo, no antigo colexio de Celeiros. Xa en agosto, chegará a quenda do concello da Fonsagrada, o venres 19 a partir das 19:00 horas ao Salón de actos municipal dos Chaos.

Tras as citas do verán, o groso da campaña desenvolverase, como é habitual, no outono. Covelo será a sexta das paradas, o venres 30 de setembro, ás 11:30 horas. En outubro a campaña continuará en Castrelo de Miño (mércores, 5 de outubro ás 11:30 horas no CEIP Castrelo de Miño); Rodeiro (venres, 7 de outubro ás 20:00 no Centro Cultural Manuel Lamazares); Fisterra (luns, 10 de outubro ás 17:00 horas no salón de actos da Casa do Concello); Ortigueira (xoves, 20 de outubro ás 11:00 h no Teatro da Beneficiencia); Allariz (venres, 21 de outubro ás 20:00 horas na Casa da Cultura) e Oleiros (venres, 28 de outubro, ás 20:00 h no Auditorio da Fábrica, en Perillo).

Para novembro quedan as restantes citas, que serán en Ponteareas (mércores, 9 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal); Forcarei (venres, 18 de novembro, ás 12:00 horas no CEIP Nosa Señora das Dores de Forcarei); Zas (luns, 21 de novembro, ás 16:30 h na sala de usos múltiples do IES Maximino Romero de Lema de Baio); Guntín (mércores, 23 de novembro ás 12:00 horas na Casa da Cultura); e, finalmente, no Incio (venres 25 de novembro ás 19:00 horas no salón de usos múltiples do Casa do Concello).

Coas 17 sesións que se van levar a cabo este ano, a campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chega xa a un total de 70 concellos do país.


Máis de 43000 microtopónimos recuperados
Unha parte importante das charlas Toponimízate teñen como centro de atención a plataforma colaborativa de recolla toponímica creada conxuntamente entre a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia, Galicia Nomeada, que conta xa con máis de 2600 as persoas colaboradoras. Grazas a elas, foron máis de 43000 os microtopónimos recuperados e postos á disposición de toda a cidadanía galega na rede desde o lanzamento público desta ferramenta dixital, a finais do 2019. Este exército de voluntarios culturais engadiu nomes de 292 concellos galegos. Estas achegas resultan de especial relevancia naqueles municipios en que non se realizou o traballo de campo do Proxecto Toponimia de Galicia, como Marín, Vilaboa, Petín, O Irixo ou Silleda, por citar só algúns dos concellos onde máis achegas se fixeron.

Neste último, Silleda, un dos principais colaboradores foi o IES Pintor Colmeiro. Este instituto é un dos máis de trinta centros educativos que forman parte do proxecto e que levaron a toponimia ás aulas ou aos proxectos docentes a través de iniciativas do profesorado ou dos equipos de dinamización lingüística. Recentemente sumáronse o IES Illa de Arousa, o IES Marqués de Sargadelos, o IES Terra de Soneira ou o CPI O Mosteiro de Meis. Durante a campaña Toponimízate deste ano tamén se incorporarán outros centros de ensino como o IES Maximino Romero de Lema de Baio, o CEIP Nosa Señora das Dores de Forcarei ou o CEIP Castrelo de Miño.

As persoas interesadas en colaborar na recuperación da toponimia tradicional poden contactar cos responsables de Galicia Nomeada a través da web, do correo electrónico toponimia@academia.gal ou no teléfono 881 995 322.

No comments:

Post a Comment