A VIII Xornada de Onomástica Galega explorará a relación entre os nomes propios e a súa riqueza na cultura popular. O encontro anual que organiza o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, coa colaboración coa Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra, prestaralle nesta ocasión atención especial á presenza da toponimia e a antroponimia no cancioneiro, aínda que tamén se terán en conta outros xéneros.
A xornada será inaugurada ás 10:00 horas polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o vicepresidente segundo da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez; a directora do Museo de Pontevedra, M.ª Ángeles Tilve; e a académica correspondente Luz Méndez, coorganizadora do encontro.
Os topónimos, os nomes de persoa e os nomes de santos no cancioneiro centrarán os tres primeiros relatorios, a cargo de Domingo Blanco, Xosé Miranda Ruíz e Xosé Ramiro Cuba Rodríguez, respectivamente. A sesión da mañá continuará cunha achega de Antonio Reigosa Carreiras sobre a onomástica no conto galego de tradición oral e a ollada á relación entre a onomástica e a antropoloxía en Galicia de Elena Freire Paz.
No comments:
Post a Comment