Wednesday, March 9, 2022

A RAG publica os traballos do seu sexto Seminario de Onomástica

 link

A formación dos topónimos da Coruña, Galicia e de España analízanse nesta obra

Co título de Estudos de Onomástica Galega VI. A onomástica e o Camiño de Santiago a Real Academia Galega recolle os traballos presentados no seu último Seminario de Onomástica. A obra, que se pode descargar no web da Institución, arrinca cunha análise do historiador Anselmo López Carreira sobre a evolución semántica dos nomes Galicia e España ao longo da Idade Media.

Na súa análise, López Carreira aborda a evolución destes nomes desde o período romano e ao longo da Idade Media e das diferentes realidades ás que se refería cada un en distintos momentos. Segundo salienta o autor, o termo Galicia presenta unha grande permanencia no seu significado, malia a variacións nos límites da realidade política á que se refería. Pola contra, España aparece como un termo moito máis volátil, que se aplicou desde á totalidade da Península a exclusivamente o reino de Castela.

Canda a este contido, o volume achega un texto de José María Anguita sobre os topónimos das cidades hispánicas recollidas nun dos libros do Códice Calixtino, o Pseudo-Turpín, con argumentos a prol de que "a orixe do topónimo A Coruña, Crunia, estaría nunha mala tradución de Cauria", segundo adianta a presentación do volume. Sandra Beis, pola súa banda, aborda os múltiples nomes que se derivaron de Iacobus mentres Pilar Cagiao, desenvolve a propagación do nome do apóstolo na toponimia na colonización americana.

María Carmen Linares e Luciano Fernández Martínez presentan noutro texto os proxectos didácticos arredor da toponimia que se desenvolven no CEIP Agro do Muíño e no IES do Milladoiro, no Concello de Ames encol das rutas xacobeas que transcorren por este territorio. O volume complétase coas intervencións na mesa redonda final na que se abordou a toponimia das rutas xacobeas como elo vertebrador dos estudos toponímicos en Europa da man de Cristina Sánchez-Carretero, Eduardo López Pereira, Valentín García Gómez e Gonzalo Navaza.

No comments:

Post a Comment