link
O sábado 20 de outubro a Real Academia Galega volverá ao Museo de Pontevedra para celebrar a III Xornada de Onomástica Galega. O programa deste ano estará dedicado aos alcumes con sete relatorios que abordarán, entre outras cuestións, a súa presenza nos apelidos e as súas raíces na antropoloxía. Haberá tamén achegas que irán desde os alcumes na Galicia medieval ata os nomes de usuarios e usuarias das persoas editoras da Wikipedia. A xornada, aberta a todo o público, rematará cunha mesa redonda que amosará como os topónimos poden verter luz en disciplinas tan variadas como a botánica, a literatura ou a historia.
"Nome que se lle dá coloquialmente a unha persoa en lugar do seu propio, tomado dos seus defectos físicos, morais ou doutras circunstancias". Así define o Dicionario da Real Academia Galega o alcume, alcuño ou adeallo, tamén designado na nosa lingua como nomeada. Este tipo de nome propio será o eixe da III Xornada de Onomástica Galega, coordinada pola académica correspondente e membro do Seminario de Onomástica da RAG Ana Boullón. O encontro, como os dous anteriores, celebrarase coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, que acollerá as sesións que se desenvolverán en horario de mañá e tarde.
Tras a inauguración ás 9:30 horas, o profesor Xoán Carlos García Porral abordará a antropoloxía do alcume deténdose na casuística nunha comunidade rural; a profesora e membro da Asociación Galega de Onomástica (AGOn) Rosario Soto Arias falará dos alcumes e sobrenomes na Galicia medieval e a tamén integrante da AGOn Lidia Gómez Martínez ofrecerá unha aproximación á clasificación lingüística dos alcumes en Galicia.
O programa retomarase ás 12:30 horas cunha nova sesión na que a profesora Anxos Rial falará dos alcumes da Moureira, mentres que académica correspondente Luz Méndez, membro da AGOn e asesora lingüística da CRTVG, profundará nos alcumes nos apelidos. Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, David Rodríguez, técnico de normalización lingüística do Concello de Cedeira, ofrecerá un relatorio sobre alcumes colectivos no Portal de ditados tópicos galegos e Adrián Estévez Iglesias, da Fundación Otero Pedrayo, outro dedicado aos nomes de usuario das persoas que editan a Wikipedia e as motivacións destas escollas.
Unha mesa redonda sobre perspectivas multidisciplinares no estudo da onomástica poralle o ramo á xornada a partir das 18:00 horas. Nesta última sesión amosaranse as posibilidades que os topónimos ofrecen para verter luz sobre campos de estudos tan diversos como a literatura ou a botánica. O catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro achegarase á toponimia pondaliana; Jaime Fagúndez, investigador da mesma universidade, abordará o valor dos fitotopónimos para os estudos botánicos; e José Carlos Sánchez Pardo e Marcos Fernández Ferreiro, da Universidade de Santiago de Compostela, falarán sobre a importancia da identificación e xeorreferenciación dos topónimos altomedievais.
As sesións serán presentadas polos membros do Seminario de Onomástica da RAG Xesús Ferro Ruibal, Antón Palacio, Gonzalo Navaza e a propia coordinadora do programa, Ana Boullón.
No comments:
Post a Comment