Thursday, November 30, 2017

A Xunta propón a recollida colectiva toponimia cun novo programa

Cultura Galega

Toponimízate inclúe unha aplicación para móbil e conferencias


A Secretaría Xeral de Política Lingüística presentaba esta mesma mañáToponimízate, unha nova campaña que se desenvolverá nos concellos adheridos á Rede de Dinamización Lingüística. A Coruña, Arteixo, Boqueixón, Lousame, Melide, Miño, Vedra, Palas de Rei, Sober, Viveiro, O Carballiño, Ourense, Cangas, O Grove e Silleda acollerán, no seo deste proxecto, conferencias do filólogo Vicente Feijoo, especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. Nas mesmas abordaranse cuestións xerais sobre a toponimia galega e a súa importancia como patrimonio inmaterial canda a explicacións sobre os nomes de lugar de cada concello.

Ademais, o proxecto desenvolve unha aplicación para teléfono móbil que permitirá a calquera usuario recoller e localizar topónimos contribuíndo así á base de datos sobre toponimia do país. A iniciativa ten entre os seus obxectivos "a chegarlle á cidadanía de cada concello valiosa información sobre a historia do galego falado na súa contorna e sobre os modos de vida dos seus antepasados" a través dos nomes de lugar, "fomentar o uso da lingua galega entre a xente máis nova" ao empregala para se comunicar na recollida de topónimos, fomentar o emprego da nosa lingua nas novas tecnoloxías ou "fornecer os técnicos municipais das ferramentas necesarias que lles faciliten a tramitación de expedientes relacionados coa planificación e xestión do territorio", segundo recolle o web de Política Lingüística.


Obxectivos

Os obxectivos deste programa son múltiples e atinguen tanto á veciñanza coma aos técnicos municipais:

  • Achegarlle á cidadanía de cada concello valiosa información sobre a historia do galego falado na súa contorna e sobre os modos de vida dos seus antepasados, os feitos hisóricos que foron relevantes para eles e as características da paisaxe no momento en que se bautizou cada anaco da súa terra ou cada braza do seu mar. Porque en Galicia todo está nomeado e cada nome ten unha historia que contar, un anaco de historia local que non figura nos libros e que aos veciños e veciñas lles gustará coñecer.
  • Fornecer os técnicos municipais das ferramentas necesarias que lles faciliten a tramitación de expedientes relacionados coa planificación e xestión do territorio do termo municipal, nos que deben empregar os topónimos normalizados, así como a posta en valor e promoción turística da paisaxe e dos elementos do patrimonio material e inmaterial que posúen.
  • Fomentar o uso da lingua galega entre a xente máis nova, pois promoverase que sexa esta a lingua en que interactuen cos seus avós e veciños para preguntarlles polos nomes de lugares e as lendas a eles asociados. Tamén empregarán o galego coas novas tecnoloxías para subir toda esa información a internet. Os topónimos naceron en galego e así deben usarse, tal como se manifesta no artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística.
  • Fomentar a presenza do galego nas tecnoloxías da información e da comunicación. A toponimia moderniza a nosa lingua, porque a imos traballar cunha APP que presentará as últimas novidades en sistemas de información xeográfica e porque abriremos unha ventá ao mundo a través de internet para dar a coñecer a singularidades de cada concello.
  • Xerar dinámicas de traballo que promovan as relacións entre a sociedade, entre as asociacións veciñais e culturais e as administracións. Trátase de buscar a participación de toda a comunidade nun proxecto cultural común, facendo un traballo cooperativo entre varias xeracións, poñendo en valor a sabedoría dos máis vellos, a intrahistoria de cada concello e a conservación do patrimonio inmaterial (tradicións, folclore, coplas, lendas... asociadas aos topónimos). Isto creará un sentimento de identidade colectiva compartida e de continuidade.


No comments:

Post a Comment