Friday, April 2, 2021

Terra Nomeada: Toponimia de Agolada

link or link

Luz Méndez
Autor/a

Sinopse

Con este volume, da autoría da especialista Luz Méndez, a Real Academia Galega inaugura unha colección que a nosa institución vai elaborar e realizar co máximo coidado: Terra Nomeada. Non merece menos a tarefa de descubrir e explicar o nome dos lugares que, por teren un nome, o que sexa, teñen dereito ao seu nome, ao verdadeiro. Sabido é que aínda hoxe, no mapa dos rótulos e indicacións de aldeas, parroquias, ríos, regueiros, montes etc., hai nomes deturpados, verdadeiros pseudónimos no sentido etimolóxico (‘falsos nomes’). Traballos rigorosos como o presente erradican esas deturpacións e satisfán as esixencias de cantos se interesan polo étimo dos topónimos (algúns moi problemáticos), polas circunstancias xeográficas ou históricas nas que emerxen, pola súa relación coa toponimia doutras terras galegas ou foráneas etc. Son temas que aborda no seu limiar o profesor Antón Santamarina, tan versado nos saberes onomásticos.

A Real Academia Galega séntese moi orgullosa do seu Seminario de Onomástica e agradece a Luz Méndez o excelente traballo que nos presenta nesta publicación.

Cacharenzo é un lugar da parroquia de San Paio de Bais, no concello de Agolada. Hoxe é topónimo único en Galicia, pero houbo en tempos outro lugar do mesmo nome agora deshabitado, na parroquia de Pombeiro, en Pantón, documentado como Cas Charenço no século XV e outro, tamén desaparecido e seguramente emparentado, grafado como Charenço no século XVI, en Ledesma, Boqueixón.

Estas dúas atestacións antigas dan luz sobre o étimo de Cacharenzo, que podería estar composto pola palabra casa, apocopada en cas, mais un nome persoal Flarentius ou, menos probablemente, Florentius.

Tamén cabe a posibilidade de que o primeiro elemento casa evolucionase a cacha, cousa frecuente na nosa toponimia, e que o segundo sexa o nome persoal latino Arentius.

Para saber máis deste e doutros topónimos do concello pontevedrés, pódese consultar Toponimia de Agolada, da colección Terra Nomeada, publicación da Asociación Galega de Onomástica e a Real Academia Galega. A descarga é gratuíta na páxina da RAG.

No comments:

Post a Comment