Sunday, April 4, 2021

O volume ‘Estudos de Onomástica V. Os nomes comerciais’ reúne un feixe de achegas sobre o valor do galego para as marcas

 link

Disque a marca moderna naceu no s. XIX, cando os fabricantes se decataron de que as vendas se incrementaban significativamente cando se lles daban nomes apropiados aos produtos. Pero agora mesmo o seu valor semiótico é moito maior, sinalan as académicas Ana Boullón e Luz Méndez no limiar de Estudos de Onomástica Galega V. Os nomes comerciais. O valor das marcas esténdese tamén ao ámbito da normalización lingüística, unha perspectiva central das contribucións recompiladas no volume, que recolle as achegas presentadas o pasado mes de novembro na V Xornada de Onomástica Galega. O libro está dispoñible en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal.

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega celebra anualmente dende 2016, co apoio da Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, estes encontros centrados nos nomes propios. A iniciativa complétase coa publicación dos traballos presentados en cada xornada, desta volta un feixe de achegas arredor dos nomes comerciais dende distintas perspectivas que foron presentadas o pasado 7 de novembro nun encontro celebrado telematicamente por mor da situación sanitaria.

Tras o estudo sobre como designar esta póla da onomástica que presenta o académico Antón Santamarina, Benigno Fernández Salgado, profesor da Universidade de Vigo, tenta responder a pregunta de canto vale un nome. Faino examinando os conceptos de valor, nome, marca empresa e dominio e traballando coas marcas galegas máis coñecidas polo seu alumnado do grao de Publicidade. María Álvarez de la Granja, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, analiza pola súa banda os recursos lingüísticos ao servizo das marcas e dos nomes comerciais, dende a metonimia e a metáfora ata os xogos de palabras.

O volume inclúe tamén un artigo da filóloga Raquel Rodríguez Parada baseado na investigación que realizou sobre os nomes das adegas e dos caldos inscritos na Denominación de Orixe Ribeiro (Ourense), así como os vermús, augardentes e licores da zona; e un percorrido polas primeiras cabeceiras de xornal en lingua galega, entre as que tamén é común o uso do topónimo e do xentilicio de noso, presentado polo académico Víctor F. Freixanes.

A exposición de experiencias didácticas é unha sección recorrente das xornadas que celebra o Seminario de Onomástica, unha aproximación que nesta ocasión aborda Celtia Rei Brandón, do IES Alexandre Bóveda (Vigo), que analizou co seu alumnado a lingua galega nos establecementos comerciais dos barrios vigueses de Bouzas e Coia. Entre as conclusións ás que chegaron, destaca a maior presenza do galego no primeiro.

O volume complétase coas reflexións dende a perspectiva das empresas da zoqueira Elena Ferro, as deseñadoras Irene García e Raquel Boo, e Xosé González, que leva décadas traballando na promoción do galego no sector empresarial.

No comments:

Post a Comment